Xusto… no teu IES

Categorias: Bacharelato,Oferta de actividades,Secundaria

O Comercio Xusto (CX) é un sistema comercial solidario e alternativo ao convencional que persegue o desenvolvemento dos pobos e a loita contra a pobreza.

Neste modelo, a produción e o comercio están ao servizo das persoas e fan posible o desenvolvemento das poboacións máis desfavorecidas porque, ademais dos criterios económicos, ten en conta valores éticos que abranguen aspectos laborais, sociais e ambientais, mostrando que outro comercio é posible.

Ao consumir este tipo de produtos:

  • Adquirimos produtos de calidade
  • Podemos recibir información sobre a procedencia, a cooperativa que os elaborou, de que están feitos, etc
  • Temos a garantía de que se produciron en condicións dignas e respectando os dereitos das persoas

Nos institutos

A actividade que proñemos para os institutos de Vigo ten como finalidade achegar o Comercio Xusto á comunidade educativa como medio para fomentar o consumo responsable e a capacidade crítica que nos axude a recoñecer a nosa implicación na desigualdade mundial e ver como podemos poñer solucións.

O obxectivo é conseguir que os institutos se convertan en “Centros Educativos polo Comercio Xusto”, mediante a sensibilización da comunidade educativa, a formación do profesorado implicado, e a mobilización nos centros escolares a favor do Comercio Xusto.

Pretendemos informar e sensibilizar á comunidade educativa sobre as inxustas relacións comerciais Norte-Sur e proporcionarlles as ferramentas necesarias para fomentar procesos educativos que axuden ao alumnado a comprender tales inxustizas e á súa vez, introducir o Comercio Xusto e o Consumo Responsable nos Centros Educativos, como ferramentas para promover un desenvolvemento sostible humano, económico, social e ambiental.

E xa o puxemos en marcha no curso 14/15 coas experiencias nos IES Beade, Rosais 2 e Alexandre Bóveda…

Vos animades?

 

Deixa unha resposta