Xa está en marcha a horta ecolóxica da EEI Monte da Guía

Etiquetas:

Categorias: Centros participantes,Obradoiros,XENTE CON PEGADA

20141209_170151A progresiva desaparición das hortas que ata no hai moito se localizaban nas periferias das cidades e nas zonas rurais trae consigo o descoñecemento dos procesos de produción por parte dos consumidores, o que leva á valoración dos produtos agrícolas non como alimentos senón principalmente polo seu aspecto, prezo, o seu uso inmediato… e, en definitiva, á desaparición da cultura agrícola e alimentaria.

Todo isto fai que deixemos as nosas pegadas en forma de problemas medioambientais (os provocados polos métodos agrícolas industriais e o transporte mundial de alimentos), económicos (as zonas rurais deixan de ter unha función produtiva e polo tanto carecen de economía local), culturais (desaparece un patrimonio cultural e xenético desenrolado ao longo dos séculos polas mulleres homes rurais) e mesmo sociais (xa que as mozas e mozos non ven futuro nunhas zonas e nunha actividade desprestixiada socialmente e con poucos garantes económicos).

 

A horta escolar constitúese, por tanto, nun interesante recurso para traballar estes aspectos dende unha perspectiva vivencial e de responsabilidade persoal e a horta ecolóxica supón ademais coñecer as técnicas máis respectuosas coa nosa saúde e co medio ambiente, servíndonos ao mesmo tempo para enlazar coa nosa cultura máis próxima, presente nas persoas de máis idade do noso entorno.

Valorar o coñecemento dos nosos maiores, ser responsables, coñecer os ciclos dos seres vivos e as súas interaccións, comer produtos saudables sementados por nós mesmos…. Todos estes aspectos, das áreas curriculares, da educación en valores, da educación ambiental, intégranse no traballo docente grazas á horta escolar.

E como a idade non é obstáculo, os primeiros na EEI Monte da Guía xa comezaron!!

Colaboran no proxecto Impórtanos, a EEI Monte da Guía, Amigos da Terra e a Comunidade de Montes de Teis que, en xaneiro, unirase cunha plantación de árbores autóctonas dentro do seu proxecto de recuperación do monte da Madroa.

Segue o proxecto completo no blog da EEI Monte da Guía

 

Deixa unha resposta