Onte rematou o curso “Educar para a Solidariedade e o Desenvolvemento contando contos… e utilizando as TIC”, organizado por Impórtanos xunto co Centro de Formación e Recursos de Vigo no que participaron docentes de infantil e primaria de 18 centros educativos de Vigo e comarca.

O curso pretendía aproveitar ao máximo o potencial pedagóxico dos contos, fomentando o traballo colaborativo e utilizando ferramentas dixitais… coa idea de formar a cidadáns e cidadás comprometidos coa realidade local e global.

Ao longo das 30 horas de duración do curso tivemos tempo para achegarnos á Educación para a Solidariedade e o Desenvolvemento e aos diferentes enfoques e xeracións, descubrindo no camiño outra forma de ver o mundo e o noso lugar nel, visualizando as desigualdades e reflexionando sobre as razóns do desequilibrio.

Ademais iniciámonos na arte de contar contos con Bea Campos, superando os bloqueos iniciais para, a través da linguaxe corporal, a voz, a creación de personaxes, o ritmo… traballar os contos como base para achegarnos aos contidos da aula.

E todo o fixemos integrando os dispositivos móbiles na aula. Descubrindo aplicacións e utilidades didácticas descoñecidas… que favorecen a participación e o exercicio dunha verdadeira cidadanía global.

En definitiva, un espazo de traballo colaborativo, aberto, creativo, vital… e esperemos que transformador.

Moitas grazas a todas e todos pola vosa actitude e participación!

 

Deixa unha resposta