Obradoiros que deixan pegada

Categorias: Obradoiros

Dende Impórtanos organizamos distintos obradoiros para achegarnos ás nosas pegadas. Pegadas que deixamos na nosa contorna, no económico, no social e no cultural. 

Os obradoiros van dirixidos principalmente ao alumnado do último ciclo de Primaria e Secundaria e neles reflexionaremos colectivamente sobre o contexto da cidadanía global, visualizando a desigualdade mundial e reflexionando sobre as razóns do desequilibrio, achegándonos ás causas que provocan a pobreza e a desigualdade, a discriminación e preocupándonos polo medio ambiente e o desenvolvemento sostible.

Sempre cun pensamento crítico, co obxectivo de desenvolver un criterio propio, trataremos de reflexionar sobre as claves que constrúen o noso punto de vista… para recoñecernos como membros dunha cidadanía global e practicar formas de convivencia e participación baseadas no respecto e a cooperación.

Quizás teñamos o teu, pregúntanos!

Algunhas iniciativas xa en marcha:

Obradoiro de fotografía social en Teis

Cambia a túa mirada para cambiar o mundo!

A fotografía é unha xanela ao mundo real. É un medio de expresión dos nosos sentimentos e pensamentos. Ten polo tanto, un valor didáctico como medio expresivo, máis tamén ten en si mesma fins pedagóxicos, xa que permite contextualizar o entorno no que nos movemos, o noso barrio, os nosos amigos, as nosas actividades, converténdose nunha ferramenta útil para comprender e coñecer o espazo no que nos  desenvolvemos, a súa xente e a nós mesmos.

Un medio para compartir visións sobre a realidade entre diferentes perspectivas e experiencias que pode axudar a concienciar e reflexionar colectivamente.

Público ao que vai dirixido: Alumnos de 3º e 4º da ESO de centros educativos de Teis. Máximo 25 persoas.

Duración: Once sesións de unha hora e media, a realizar entre os meses de outubro a decembro (unha sesión semanal).


Proxección documental e debate ambiental a cargo de AGARESO

Proxección do documental divulgativo sobre a vulnerabilidade ambiental na rexión do Bajo Lempa (El Salvador) e as actividades que desenvolve alí a xuventude para contribuír a diminuír os riscos de catástrofes medioambientais, que será gravado por Agareso no propio proxecto ao longo do 2014.

A actividade consistirá nunha charla explicativa do contexto de El Salvador, os seu problemas medioambientais e o proxecto que se leva acabo na zona. Despois proxectarase o documental duns 20 minutos de duración e para rematar realizarase un debate sobre a situación ambiental en Galicia.

Obxectivo: Concienciar á xuventude da importancia da participación directa na protección do medio ambiente e coñecer as dinámicas e  problemáticas doutras culturas

Dirixida a alumnado de 1º e 2º da ESO.

Deixa unha resposta