Maniféstome! é unha actividade enmarcada dentro da campaña Pobreza Cero que, coincidindo co 17 de outubro Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, propón denunciar as causas da pobreza e apostar por alternativas xustas, responsables e solidarias a favor dun crecemento inclusivo que favoreza ás persoas, as comunidades e o medio.

Impórtanos, a Coordinadora Galega de ONGD e a Rede Social Galicia Sur (RSGS) organizaron en Vigo a Semana de loita contra a pobreza e as desigualdades convocando á cidadanía a decorar de forma conxunta o muro xunto ao Centro de Inclusión de Vigo, na rúa Marqués de Valterra.

10302460_768252219988028_6825086062216848768_nEste 2015 as nosas reflexións veñen marcadas pola crise migratoria e quixemos deixar claro que para nós non existe ningunha diferenza entre escapar da guerra, a violencia ou a pobreza. Entre fuxir da represión, a morte ou a fame.

Existe unha liña moi difusa entre a migración por motivos políticos e o exilio económico. Todas as variables que impulsan ao desprazamento xorden das desigualdades: hoxe, 85 persoas acumulan tantos recursos como 3.570 millóns de seres humanos en situación de pobreza, a maioría mulleres e nenas.

Entre tanto discurso sobre economía, fronteiras, nacionalidades… necesitamos reivindicar que o primeiro son as persoas, os seus dereitos e a necesidade de construír entre todo un mundo máis xusto.

A iniciativa contou co apoio do proxecto Til Diacrítico e o día 23 de outubro, dende as 16:30 os participantes puideron deixar as súas pegadas nun mural construido entres todas e todos e, para pechar o acto, ás 19:30 horas tivo lugar a concentración e a lectura do manifesto.

Aquí tendes fotos do mural. Gracias por vir e volcar a vosa creatividade na loita por un mundo máis xusto e igualitario…

Maniféstome! é unha actividade enmarcada dentro da campaña Pobreza Cero que, coincidindo co 17 de outubro Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, propón denunciar as causas da pobreza e apostar por alternativas xustas, responsables e solidarias a favor dun crecemento inclusivo que favoreza ás persoas, as comunidades e o medio.

A pobreza no mundo é unha grave violación dos Dereitos Humanos que non debe ser tolerada.

Loita contra a pobreza

Hoxe, no mundo, 1.300 millóns de persoas viven nunha situación de pobreza extrema e 1.000 millóns pasan fame a diario. Mentres, cada ano acaban no lixo máis de mil toneladas de alimentos e o 1% das persoas máis ricas do planeta seguen a  incrementar os seus ingresos. Pola súa banda, o Estado español sitúase no cumio das desigualdade sociais en Europa, por diante, incluso, de países duramente golpeados pola crise como Grecia, e só por detrás de Portugal, Letonia e Bulgaria,  segundo datos de Intermón Oxfam.

A pobreza é cada vez máis extrema, intensa e crónica. As desigualdades, causa e consecuencia á vez da crise global e complexa que vivimos, aumentan debido, entre outras cousas, a unha fiscalidade inxusta e unhas políticas de austeridade devastadoras que mesmo poñen en perigo a universalidade dos servizos públicos e dos dereitos das persoas. Mentres, o custo de bens e servizos básicos como alimentos, enerxía e medicamentos aumentan en todo o mundo; o acceso á educación, sanidade e servizos sociais públicos dificúltase; e desmantélase a política de cooperación ao desenvolvemento.

Existen claras semellanzas entre estes programas de austeridade e as ruinosas políticas de axuste estrutural impostas en América Latina, o Leste Asiático e África subsahariana nas décadas de 1980 e 1990, segundo denuncia Intermón Oxfam . Estas políticas foron un fracaso; un tratamento que pretendía “curar a enfermidade matando o paciente”. Por iso manifestámonos para que non se repita!

Xa comenzou a manifestación “en diferido”!

Participa!

Elixe un dos lemas da campaña, fai unha foto no noso photocall ou onde ti elixas e comparte a imaxe nas redes sociais:

  • En Facebook: Dálle a “Me gusta” na páxina de Impórtanos e na Coordinadora Galega de ONGd, sube a foto ao teu perfil e etiquétanos cos hastags #Manifestome, #Importanos e #Riquezaqueempobrece.
  • En Twitter: Sube a túa foto e/ou lema cos hastags #Manifestome, #Importanos e #RiquezaqueEmpobrece e noméanos @pobrezacero e @cgongd.o 1% das persoas máis ricas do planeta veñen de incrementar os seus ingresos nun 60% nos últimos 20 anos, mentres que a crise financeira non fixo máis que acelerar esta tendencia.

Converte a loita contra a pobreza en “TRENDING TOPIC”

O 17 de outubro é o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, pero durante todo o mes persoas de todo o mundo manifestaranse nas súas cidades, na rúa, na súa casa…  podes solicitar o photocall para a túa entidade, asociación, parroquia, centro educativo, grupo, etc.

Contacta connosco!

Descarga o flyer e difunde a iniciativa!
Bota unha ollada e descarga as propostas de acción!

MANIFESTÁMONOS!

 

Contra a riqueza que empobrece

Como todos os anos, ao redor do 17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, veñen organizándose diversas actividades, marchas e concentracións para facer pública a aposta por un mundo no que os gobernos sitúen os dereitos das persoas por riba dos dereitos dos mercados e esixir o cumprimento dos compromisos na loita contra a pobreza.

No 2013 optouse por unha modalidade innovadora: unha manifestación “en diferido”!

A iniciativa consistiu nun photocall que permitise que durante todo o mes de outubro, as persoas puidesen manifestarse na rúa, na facultade, na súa casa… elixindo un dos máis de 40 lemas da campaña e compartindo a imaxe nas redes sociais.

A campaña foi todo un éxito e foi quen de mobilizar a máis de 500 persoas en Vigo e de ter presenza nos medios e redes sociais, pero sobre todo porque serviu para denunciar as causas da pobreza e facer unha aposta por alternativas xustas, responsables e solidarias.

 

Cres que é imposible acabar coa pobreza?

Alguén intuíu en séculos pasados…

- Que a escravitude ía ser abolida?

- Que as mulleres terían dereito a voto e poderían reclamar os seus dereitos de igualdade?

- Que a sanidade e a educación serían gratuítas en moitos países?

- Que enfermidades como a varíola desaparecerían ou que fose existir unha Declaración Universal dos Dereitos Humanos?

 

Persoas coma ti , coma nós, cambiaron o destino da humanidade: atrevéronse, falaron, protestaron, MANIFESTÁRONSE! 

Rematar coa pobreza no mundo é tecnicamente menos complicado que chegar á Lúa. Economicamente bastaría coa metade do que gastamos en armamento.

Continuaremos…

 

Con: Coordinadora Galega de ONGd Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Campaña Pobreza Cero – Coordinadora ONGD España

Descarga os lemas, imprime e participa!Descarga o flyer e difunde a iniciativa!