Máis actividades para a túa escola

Categorias: Bacharelato,Oferta de actividades,Primaria,Secundaria

Obradoiros

Cambia a túa mirada para cambiar o mundo!

Dende Impórtanos organizamos distintos obradoiros para achegarnos ás nosas pegadas. Pegadas que deixamos na nosa contorna, no económico, no social e no cultural.

Os obradoiros van dirixidos principalmente ao alumnado do último ciclo de Primaria e Secundaria e neles reflexionaremos crítica e colectivamente sobre o contexto da cidadanía global, visualizando a desigualdade mundial e reflexionando sobre as razóns do desequilibrio, achegándonos ás causas que provocan a pobreza e a desigualdade, a discriminación e preocupándonos polo medio ambiente e o desenvolvemento sostible.

Trataremos de reflexionar sobre as claves que constrúen o noso punto de vista… para recoñecernos como membros dunha cidadanía global e practicar formas de convivencia e participación baseadas no respecto e a cooperación.


Hortas escolares

Valorar o coñecemento dos nosos maiores, ser responsables, coñecer os ciclos dos seres vivos e as súas interaccións, comer produtos saudables sementados por nós mesmos…. Todos estes aspectos das áreas curriculares, da educación en valores, da educación ambiental, intégranse no traballo docente grazas á horta escolar.

Unha horta ecolóxica supón ademais coñecer as técnicas máis respectuosas coa nosa saúde e co medio ambiente, servíndonos ao mesmo tempo para enlazar coa nosa cultura máis próxima, presente nas persoas de máis idade do noso entorno.

Un interesante recurso para traballar as nosas pegadas dende unha perspectiva vivencial e de responsabilidade persoal que xa no curso 2014/2015 iniciamos apoiando a horta escolar da EEI Monte da Guía, unha experiencia fantástica finalista en Voz Natura 14/15, tanto na categoría de Blogue como na de Proxecto de Educación Infantil.

Ben é certo que o proxecto “Cos pés na Terra” da EEI Monte da Guía foi moito máis ca horta:

  • Un proxecto de todo o centro, con traballo nas aulas, na bilioteca, con proxectos por niveis, no plan de convivencia, na escola de familias…
  • Que contou coa implicación de toda a comunidade educativa (alumnado, mestres, familias, persoal non docente e moitas colaboracións externas).
  • Con moitas actividades vinculadas: o dos remedios naturais, o apadriñamento das árboles do centro, as macetas, os espantallos e os carteis para a horta as cabazas para o Samaín, o artelixo (con material de refugallo)…

Pero no centro de todo estivo a horta. E podemos dicir que dende Impórtanos estivemos ahí, apoiando o magnífico traballo da escola…

E despois da magnífica experiencia, no 2015/16 pretendemos levar  a horta escolar a outro centro de Vigo, seredes vos?

 

Deixa unha resposta