Hai pegadas… de conto!

Categorias: Contacontos,EVENTOS,NOVAS DE INTERESE

Historias que deixan pegadas nos nenos e nenas que veñen escoitalas

Todos os nenos e nenas séntense atraídos polo mundo dos contos e por iso pensamos que os educadores e as educadoras poden aproveitar ao  máximo o potencial pedagóxico dos contos usando a literatura para traballar os contidos da aula.

Por iso, a campaña Impórtanos! ofrece sesións de contacontos aos centros educativos que permiten traballar sobre a nosa pegada no mundo cos nenos e nenas de Infantil.

Coa axuda de Bea Campos, catro contos (Xaime e as landras, O poliño da Abeleira, Pequeno azul, pequeno amarelo e Bailar nas nubes) e a inestimable e impetuosa participación dos nenos e nenas esperamos que a actividade sexa un éxito.

Ademais, máis alá dos 45 minutos da sesión, os participantes poderán experimentar a forza da súa propia pegada: cada un dos nenos e nenas levará unha landra para plantar na casa e deixar a súa pegada como no primeiro conto… e as mestras e mestres levarán tamén propostas e ideas para traballar eses mesmos contos como proxectos integrados dende os que abordar outros moitos contidos tanto na aula coma na casa.

Vos animades?

Deixa unha resposta