Curso no CFR Vigo 2017

Categorias: Contacontos como recurso na EpD,Cursos,EVENTOS

Os contacontos como recurso na educación para a solidariedade e o desenvolvemento

 

Curso en colaboración co CFR Vigo, aprobado e incluído no seu Plan de Formación, que ven continuar a colaboración co Centro de Formación do Profesorado.

Tivo unha duración de 20 horas (homologadas polo CFR), comezando o 6 e finalizando o 29 de novembro de 2017 na aula de música do CEIP Emilia Pardo Bazán (Chouzo).

Dirixido a docentes de infantil e primaria, trátase dunha proposta pedagóxica que pretende sensibilizar sobre a necesidade dunha educación transformadora como medio para formar a cidadáns e cidadás corresponsables e comprometidos coa realidade local e global facilitando a posta en práctica da ESD a través da literatura e o uso das TIC na aula.

O curso pretendía a consecución de tres obxectivos enlazados entre si: Promover a reflexión sobre a Educación para a Solidariedade e o Desenvolvemento no ámbito escolar, Proporcionar estratexias e recursos ao profesorado para contar contos e Propiciar a integración das TIC na práctica docente.

Para a superación dos tres bloques, deseñáronse tarefas, actividades e mesmo as rúbricas correspondentes. Foi enteiramente presencial e con fase práctica incluída, e nel, os participantes foron producindo diversos materiais, documentos, reflexións… encamiñados á realización de tres tarefas que, na última sesión, puxeron en común.

A matrícula foi gratuíta e, como nos últimos anos, foi un curso moi demandado polos docentes con case 150 solicitudes para 24 prazas sendo as valoracións das persoas participantes moi positivas.

Deixa un comentario