Contos con Pegada 

 

Unha das actividades creadas para Impórtanos xa dende as primeiras edicións foi a sesión “Pegadas de conto” que sempre tivo boa acollida e resultados.

Todos os nenos e nenas séntense atraídos polo mundo dos contos e, por iso, tratamos de utilizalos como recurso para traballar sobre a nosa pegada no mundo e que os educadores e educadoras podan aproveitar ao máximo o seu potencial pedagóxico.

As experiencias narradas, reais ou ficticias, ábrennos expectativas de vida e pódennos fortalecer persoalmente, ofrecendo posibilidades de aprendizaxe social e de desenvolvemento persoal. Os contos, polo tanto, poden ser unha boa motivación para abordar temas de Educación para a Cidadanía Global, a Solidariedade e o Desenvolvemento.

Na proposta de traballo deste curso, Bea Campos contou cinco contos seleccionados para achegarse a temáticas como a pegada ecolóxica, a sustentabilidade, o coidado do planeta, a educación das emocións, a interculturalidade, as migracións, os estereotipos e prexuízos, etc.

Os contos seleccionados foron: A árbore da escola de Antonio Sandoval, A galiña roxa de Pilar Martínez, Sapo y el forastero de Max Velthuijs, Dónde viviré? Rosemary McCarney e Wonder (todos somos únicos) de R.J. Palacio.

Fixéronse 18 sesións nun total de 16 centros educativos, nas que participaron 802 alumnas e alumnos de Infantil e Primaria e 36 docentes.

Ademais, para a difusión e como proposta de traballo aos coles, xunto coa ficha da actividade difundiuse un vídeo de promoción, que terá continuación con novas propostas nos seguintes trimestres escolares.

 

Deixa un comentario