Construíndo o mundo que queremos

Categorias: MANIFÉSTOME!

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)

17 obxectivos para transformar o noso mundo

 

Coñecemos o problema e tamén sabemos que existen solucións reais e factibles.

Tratando de fomentar a reflexión sobre a pobreza e a desigualdade co marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que conforman a nova axenda de loita contra a pobreza global aprobada polas Nacións Unidas para o período 2016-2030, este ano, Impórtanos, xunto coa Rede Social Galicia Sur e a Coordinadora Galega de ONG organizaron unha xornada no mercado de O Calvario, o domingo 20 de novembro.

Estes obxectivos, que por vez primeira implican a todos os países (do Norte e do Sur) e a todos os actores (gobernos, sector privado e sociedade civil) foi o fío condutor das actividades programadas, que tiveron como fin sensibilizar e comprometer á nosa sociedade na construción dun mundo máis xusto, esixindo políticas cuxo centro sexa a xustiza social e ambiental.

Os obxectivos da xornada centráronse en tres grandes bloques: persoas, planeta e prosperidade, aos cales nos achegamos con diversas actividades que desenvolveron as organizacións participantes (Oxfam Intermón, Entreculturas, Proclade, Solidariedade Internacional, Cáritas, Alborada, Fundación Juan Soñador, Parroquia Cristo da Vitoria, Comité Óscar Romero, Fiare ou Amigos da Terra).

Tivemos postos de información, xogos cooperativos, obradoiros… e entre as actividades houbo tempo tamén para un concerto do grupo Tardis, unha degustación de produtos de Comercio Xusto, unha sesión de contacontos con música a cargo de Bea Campos e Davide González e un desfile de moda de Comercio Xusto.

Ao final da xornada fíxose lectura dun manifesto.

 

Deixa un comentario