“Neste planeta, todos dependemos o un do outro, e nada do que fagamos ou deixemos de facer é alleo ao destino dos demais. Desde o punto de vista ético, iso fainos a todos responsables por cada un de nós. A responsabilidade “está aí”, firmemente colocada no seu lugar pola rede de interdependencia global”

Zygmunt Bauman, La sociedad sitiada

(Buenos Aires: Fondo de Cultura Económica, [2002] 2004), 28.

Vivimos nun mundo globalizado e interdependente.

Un mundo de abundancia, de consumo, de crecemento económico… no que desaparecen as fronteiras e as redes de comunicación manteñen en contacto a todos os países e economías do mundo.

Pero un mundo, tamén, de carencias terribles para centos e centos de millóns de persoas, no que a pobreza e a desigualdade non teñen precedentes na historia.

Un mundo que leva ao noso planeta a unha situación crítica co esgotamento e a degradación dos recursos naturais (auga, solos, bosques, etc), a xeración de residuos, a perda da biodiversidade, o cambio climático…

 

Estes problemas non son accidentes da natureza nin fenómenos alleos ao noso control. Son consecuencia de accións e omisións das persoas e do modelo de desenvolvemento actual, baseado nunha lóxica de crecemento infinito a costa das persoas e dos recursos naturais que é de todo insustentable: Nada pode crecer indefinidamente nun planeta con límites físicos.

 

A crise actual ponnos en relación, porque as consecuencias do nosos modelo de desenvolvemnto afectan a toda a humanidade e todos e todas podemos atopar á vez a nosa parcela de responsabilidade nela.

O desafío é, por tanto, incorporar unha visión global do mundo e prepararnos para actuar coa responsabilidade e o compromiso que implica a “cidadanía global” na vida cotiá.

Repensar o presente para construír o futuro

Porque… a nosa pegada impórtanos!


A campaña IMPÓRTANOS!

é unha campaña de sensibilización promovida polo “Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade” que ten como obxectivo promover a reflexión acerca das relacións de interdependencia Norte-Sur e o paradigma de cidadanía global.

Unha campaña que pretende:

    • Poñer en valor a conexión entre o global e o local resaltando o carácter interdependente de ambas dimensións e insistindo nas interconexións entre pasado, presente e futuro para aumentar o coñecemento sobre a realidade do Sur e a realidade do Norte
    • Facilitar a toma de conciencia sobre as causas que explican a existencia da pobreza, da desigualdade e da crise ambiental, que provocan que unha maioría da poboación mundial non poda satisfacer as súas necesidades básicas e careza de oportunidades e dereitos
    • E promover o compromiso para o cambio, a través da acción participativa (pensar globalmente, actuar localmente)

Unha iniciativa do Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade, órgano colexiado permanente de participación e punto de encontro entre o Concello de Vigo e as persoas e asociacións sen ánimo de lucro que traballan no ámbito da cooperación internacional e a solidariedade entre os pobos, dependente da Concellería de Política Social.