A Master Class de Gabriel Tizón, todo un éxito

Etiquetas: , ,

Categorias: EVENTOS,NOVAS DE INTERESE

Compromiso coa mirada, a Master Class en fotografía social impartida por Gabriel Tizón onte 9 de outubro no Centro Cívico de Teis resultou finalmente un éxito para o público asistente, 250 alumnos e alumnas dos centros educativos de Teis, IES A Guía, Colexio S. José de A Guía e Colexio Apóstol Santiago.

E dicimos “finalmente” pois por problemas técnicos a sesión comezou cunha hora de retraso e a piques estivo de cancelarse.

Con todo, o obxectivo do taller, que non era outro ca o de espertar a curiosidade polo mundo da fotografía e presentar as nocións básicas da fotografía social a través da obra de Gabriel Tizón promovendo a participación e a reflexión sobre os contidos das imaxes e o mundo que as mesmas constrúen, acadouse plenamente.

Gabriel Tizón, fotografo de percorrido internacional con experiencia en 4 continentes, premios nacionais e internacionais de fotografía e adquisición de obra por parte de coleccións públicas e privadas, nacionais e internacionais é actualmente fotógrafo do xornal El País e outras axencias de noticias (podedes coñecer o seu traballo na súa web).

Ademais, deuse a coñecer a existencia da II edición do concurso Imaxes con Fondo, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Tizón foi membro do xurado en 2012 e presentouse o obradoiro sobre fotografía social organizado dende Impórtanos para os escolares de Teis.

En definitiva, unha gran experiencia…

 

Deixa unha resposta