A Banda de Vilacendoi

Categorias: Contos con pegada,Pegada social

Vilacendoi non é un nome ficticio. Este lugar existe e está situado a poucos quilómetros de Lugo, na beira do Miño. Esta pequena aldea está formada por un reducido grupo de casas labregas, típicas da bisbarra. En moitas desas vivendas pode que aínda se garden os instrumentos da banda de música local, que tamén existiu. As xeracións actuais de adultos non chegaron a gozar dela, pero oíronlles falar aos anciáns da súa boa fama. O autor e ilustrador desta obra considera “un milagre” que unha banda de música de dimensións e recursos limitados chegara a brilar naquel tempo, de aí a homenaxe que lle brinda con este libro. Nel recorre ás súas lembranzas da nenez, aos ecos da voz de quen foi testemuña de memorables noites de verbena ao son daquela banda. O seu relato é unha especie de crónica rural que permite descubrir elementos do estilo de vida no campo, a diversidade de animais domésticos, a beleza da paisaxe. Chega a describir mesmo os seus tempos difíciles, nos que a despoboación e mailo envellecemento dos seus habitantes fan temer polo futuro de Vilacendoi. Pero eses temores disípanse coa chegada de sabia nova, de novos veciños que converten Vilacendoi nun grato exemplo de integración social e racial. “Se pretendes ser universal, fala da túa aldea”, escribiu León Tolstoi. Xulio Gayoso apela a esas palabras e elabora neste traballo unha fermosa mestura de maxia e saudade, de futuro e esperanza. Vilacendoi convértese así na aldea dos seus soños.

Contidos a traballar durante a actividade: migracións, interculturalidade

Actividades: Vilacendoi é unha Vila no medio e medio dun Souto… Así empeza a historia, pero que é un souto? Que seres vivos viven nel ? (esquíos, mouchos, cogomelos…)

Que instrumentos hai nunha  banda?

En moitas vilas de Galicia hai bandas de música e en Vigo tamén, cales?

De onde viñan  as familias que chegaron a Vilacendoi? Que sabemos dos países de orixe? Por que virán?

Cantamos a canción da saia da Carolina unha canción tradicional galega. Podemos escoitar unha canción tradicional do país de orixe. Tamén teñen instrumentos diferentes buscaremos como son e como soan.

http://www.kalandraka.com/en/colections/collection-name/book-details/ver/a-banda-de-vilacendoi/

Deixa unha resposta